Aprobada a nosa iniciativa para a creación dunha área de autocaravanas en Cuntis. Resumo do pleno do 29 de xullo de 2021

A creación dunha área de autocaravanas en Cuntis, proposta por Veciñanza, foi o asunto máis relevante da sesión ordinaria do Pleno Municipal do pasado xoves. Foi aprobada por unanimidade e agora será o goberno local quen terá a responsabilidade de facela realidade. Como vén sendo habitual, ningunha outra iniciativa, idea ou proxecto do goberno municipal ocupaba a orde do día. O único feito salientable foi a toma de posesión do novo concelleiro do Partido Popular, que se incorpora substituíndo ao seu antigo voceiro e candidato en 2019. Ao final deste post deixamos o vídeo da sesión.

Tanto o grupo socialista como o popular apoiaron a creación dunha área de autocaravanas proposta por Veciñanza. Esta iniciativa, que figuraba xa no noso programa electoral das pasadas eleccións municipais, presentábase como moción para instar ao grupo de goberno a explorar a localización máis idónea tendo en conta as necesidades de suministros que require. Evitando sinalar unha determinada ubicación favorecemos o consenso entre os grupos ao non introducir elementos nos que puidese haber discrepancias, xa que non existe máis preferencia pola nosa parte que unha localización próxima ao centro da vila para que así os negocios de hostalaría e servizos poidan aproveitar ao máximo o potencial da área de autocaravanas.

Na quenda de rogos e preguntas, dende o grupo municipal de Veciñanza interesámonos polas seguintes cuestións, a maioría delas reiteradas xa de plenos anteriores e conscientes de que non atoparían resposta concreta por parte do Alcalde.

  • No relativo ás festas patronais a celebrarse en dúas semanas, pedímoslle ao alcalde que concretara cal é a planificación e as actividades xa contratadas. Ante a incerta situación epidemiolóxica, e tendo en conta tamén a marcada improvisación que adoita caracterizar a acción deste goberno, non se expuxo máis concreción que a de agardar a evolución das concidicións sanitarias. Neste senso debemos afirmar que dende Veciñanza entendemos a dificultade da situación e a complexidade de tomar unha ou decisión ou a contraria, pero consideramos que para esta situación o primeiro que se deben elaborar son uns criterios obxectivos e recoñecibles que minimicen a sensación de improvisación.
  • Santi Martínez, voceiro municipal de Veciñanza, reiterou que nos parece “incomprensible e imprensentable” a paralización do expediente de reposición da legalidade no Camiño da Misa da Louriña, un asunto desbloqueado gracias a unha moción do noso grupo na lexislatura pasada e paralizada actualmente por motivos que descoñecemos, pero que desconfiamos. O Alcalde contestou que “seguen a esperar” pola memoria técnica. A moción de Veciñanza para o desbloqueo desta situación foi aprobada polo pleno municipal o día 26 de xaneiro de 2017.
  • De novo, e igual que en anteriores ocasións, a lamentable paralización do Consello Local de Igualdade.
  • Na anterior sesión do pleno, a do 27 de maio, o Alcalde respondía que “as medidas excepcionais para o pago da débeda coñeceranse proximamente”, negándose así a concretar a necesidade de acceder a unha póliza de crédito (que xa lle foi denegada ao Concello de Cuntis). Dous meses despois, nin os grupos da oposición nin os veciños e veciñas de Cuntis podemos coñecer a planificación económica do grupo de goberno e, sobre todo, como ten pensado pagar a débeda que acumula a xestion do PSOE nestes seis anos de mandato.
  • O que si sabemos é que o Alcalde seguirá empregando recursos públicos para financiar a publicidade e autobombo que, mediante o pago de facturas irregulares, deseñan a súa imaxe nos medios de comunicación locais. Sendo isto dunha gravidade absoluta, non o é menos a naturalidade coa que o Alcalde Manuel Campos nos mentiu o pasado mes de xaneiro cando, durante a presentación dos orzamentos, nos asegurou que estes pagos cesarían.
  • Por último, Veciñanza interesouse polas ampliacións de parques eólicos xa existentes ou de novos proxectos que afectan ao termo municipal de Cuntis. Ante a inconcreción do Alcalde na súa vaga resposta, solicitaremos un informe técnico a fin de coñecer con precisión se o boom eólico que está a padecer o noso País afecta tamén ao noso concello.
Share

Tamén pode gustarche...